Wednesday 15 de May de 2024

Convocada por segundo ano unha liña de axudas ás famillias para facer fronte á suba do prezo da luz


Titulares do bono social e persoas que reciben tratamentos de osixenoterapia ou diálise peritoneal nos seus domicilios poderán acceder ás subvencións

O recibo da luz que pagamos nos nosos fogares segue aumentando de xeito máis que considerable dende o ano 2021, ata o punto de que cada vez son máis as familias con dificultades para facer fronte á factura de electricidade. Para o goberno municipal de Carballo, o acceso á electricidade é unha necesidade básica. Por iso, ante as necesidades detectadas e coa finalidade de evitar a existencia de pobreza enerxética no noso concello, dende o departamento de Benestar convocamos por segundo ano consecutivo unha liña de axudas para que as familias que máis o precisen poidan facer fronte ao pago das súas facturas da luz.

Poderán acceder ás axudas as persoas maiores de 18 anos ou menores emancipadas que estean empadroadas no noso concello cunha antigüidade mínima de seis meses, e que cumpran, ademais, algún dos seguintes requisitos:

• Ser beneficiarias do bono social das diferentes comercializadoras de electricidade, como mínimo durante os tres meses anteriores á convocatoria das axudas.

• Recibir osixenoterapia domiciliaria polo menos durante seis meses antes da convocatoria das axudas.

• Recibir tratamento de diálise peritoneal domiciliaria polo menos durante seis meses antes da convocatoria das axudas.

A subvención á que poderán acceder as persoas solicitantes será de 200 euros, nun pago único. O prazo de solicitude é de 15 días naturais que empezaron a contar o 23 de xuño, tras a publicación do extracto das bases da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia, polo que rematará o 7 de xullo.